Presentan os resultados dun estudo sobre o aceite de Quiroga

RTMQ. O aceite de Quiroga atópase na máxima categoría do aceite marcada pola Comisión Europea, “Aceite de Oliva Virxe Extra”. Conta ademais, cos mellores resultados en ácidos graxos e compostos volátiles e cuns altos parámetros de estabilidade.

Así o demostran os resultados do proxecto “Variedades de oliva autóctonas galegas Brava e Mansa: Mellora da produción dos oliveirais e desenvolvemento de aceites diferenciados”, realizado polo departamento de agronomía do Centro Tecnolóxico da Carne para a empresa quiroguesa Ouro de Quiroga.

Os resultados deste proxecto foron presentados na mañá de onte no Museo Etnográfico Municipal de Quiroga. O proxecto iniciouse en 2017 coa pretensión de mellorar o cultivo de olivas autóctonas e caracterizar os aceites obtidos das variedades Brava e Mansa.

IMG-20191008-WA0007
O evento rematou cunha cata a nivel consumidor / Luisa G.

Entre outras actividades, durante estes dous anos realizouse un seguimento das colleitas, utilizando diversos abonos nos terreos e utilizando rego nalgunhas parcelas, o aceite obtido das oliveiras destes terreos comparouse analiticamente con outras variedades comerciais. Ademais, desenvolvéronse aceites aromatizados con base brava e mansa, para divulgar novos produtos oleícolas do Val de Quiroga e Ribas do Sil.

Os resultados demostraron que o aceite de Quiroga, en canto ao análise sensorial, atópase dentro dos aceites preferidos polos consumidores comparados con outros aceites do mercado.

O evento remataba cunha cata a nivel consumidor, tanto do aceite de oliva brava e mansa virxe extra, como das versións aromatizadas que se elaboraron dentro do proxecto.

Deixar un comentario