O Banco Santander pecha a súa sucursal en Quiroga

Banco Santander deu o pasado venres 6 de setembro o pistoletazo de saída á execución do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que acometerá a entidade e que contempla o peche de 1.150 oficinas.

Naquela xornada, e segundo fontes sindicais consultadas por Europa Press, levouse a cabo o peche de 86 sucursais, sete delas situadas en Galicia. O 20 de setembro tivo lugar a clausura de 176 sucursais máis.

Hoxe, día 4 de outubro, pechan outras 164 oficinas. Entre elas está a de Quiroga, situada na Rúa Real, número 57. Dende agora, e segundo informa o propio banco, os produtos contratados polos clientes da entidade serán supervisados por Laura Macía González, Axente colaboradora do Banco Santander. O novo punto de atención está ubicado no número 65 da mesma rúa.

Máis peches

O calendario marcado polo Santander apunta ao peche de 175 máis o día 18 deste mes. O banco comunicou que comezaría a executar este plan despois de que finalizase o proceso de integración tecnolóxica das sucursais de Banco Popular no grupo, o que tivo lugar o pasado mes de xullo.

Banco Santander e a representación sindical asinaron o pasado mes de xuño un ERE que contempla o peche de 1.150 oficinas, a extinción de 3.223 postos de traballo e prexubilacións desde os 55 anos con entre o 75% e o 80% do soldo, en función da idade.

Deixar un comentario