O aceite de Quiroga percorrerá España da man de La Vuelta e a Apehl

O aceite de Quiroga percorrerá once provincias españolas coa Volta Ciclista. O ouro líquido quirogués formará parte do stand E para comer, Lugo, que a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría e Turismo de Lugo (Apehl) vai colocar na zona vip de todas as saídas de etapa da volta ciclista. A ronda española comeza este sábado, 24 de agosto, en Torrevieja e remata o día 15 de setembro, en Madrid.

O aceite de Quiroga estará presente nas 21 etapas da volta ciclista, polo que recorrerá as provincias de Alacante, Valencia, Teruel, Tarragona, Navarra, Bilbao, Cantabria, Asturias, Burgos, Ávila e Madrid; ademais de achegarse ata Andorra e as comunas francesas nos Pireneos de Jurançon e Saint Palais.

Aceite de Quiroga Biosaludable.jpg
O Aceite de Quiroga coa etiqueta de Biosaludable / RTMQ

Esta será a primeira vez que o aceite de Quiroga participa nesta promoción turística que fai a Apehl dende hai oito anos e na que participan produtos presentados polos consellos reguladores da Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixos Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, de Tetilla e San Simón. Así como polas Indicacións Xeográficas Protexidas da Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Fabas de Lourenzá, Grelos de Galicia ou Pementos de Mougán, entre outras.

O posto de E para comer, Lugo que se instala na zona VIP das 21 saídas de etapa, estará atendido por persoal da Asociación e nel servirase aos visitantes (ciclistas, patrocinadores, xornalistas, especialistas…) aperitivos elaborados con produtos da terra, entre os que estará o aceite de Quiroga.

Contarase tamén coa Asociación de Cociñeiros da Mariña que cociñará produtos típicos en directo en varias etapas de La Vuelta. A Apehl calcula que estes postos son visitados cada ano por máis de 20.000 persoas, o que supón unha importante promoción para o aceite de Quiroga.

Aceite Biosaludable

O aceite quirogués xa loce a denominación de Biosaudable. Esta é unha distinción avalada polo Departamento de Química Analítica da Universidade de Córdoba, un dos laboratorios máis recoñecidos a nivel mundial.

Os aceites de Quiroga non soamente son os únicos que poden levar esta etiqueta, se non que dende o punto de vista da saúde indica que son uns aceites de oliva virxe excepcionais, xa que non soamente superan o mínimo de polifenois esixidos pola Unión Europea para poder empregar esta denominación (250 mg/k).

Imaxe de arquivo

Deixar un comentario