Celebrada con éxito a vixésimo oitava Mostra do Mel de Quiroga

Quiroga celebrou este sábado a vixésimo oitava edición da súa Mostra do Mel, festa dedicada a un dos produtos estrela da zona. Moi boas vendas, moi desigual colleita segundo as zonas do municipio e unha gran proliferación de velutina son as principais conclusións dos sete apicultores participantes nesta feira.

Quedou inaugurada ás doce do mediodía, pero os postos, situados na Rúa Real, abriron a primeiras horas da mañá. Entre os sete apicultores participantes, cada un dunha zona diferente do concello, puxéronse á venda uns 2000 quilos de mel aproximadamente. Esta festa coincidía ademais coa feira mercado máis grande do ano en canto a número de asistentes e postos de venda.

mel 3
Inauguración da mostra / DdQ

Para Pedro Soto, apicultor de O Ivedo e que tamén participaba na mostra, «o mel de Quiroga é especial polas súas características, que realmente non as teñen outros meles». Estes matices diferenciadores conségueos grazas a unha variada flora, «ten moito castiñeiro, moito ourego e moitas flores medicinais que lle achegan estas características». Como proba da súa excelente calidade, un 80% da produción total está considerada como mel ecolóxico. Disto tamén daban boa fe todas as persoas que se achegaron ata o recinto feiral e que mercaron boa parte do mel exposto.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, celebraba o éxito que están a ter este ano as Festas de Verán. «O venres na Festa da Comunidade -na que participaron máis de medio milleiro de persoas- foi incrible, non esperaba tanta xente», recoñecía. En canto á Mostra do Mel, o rexedor local destacou que os colleiteiros lle transmitiran que «nunca venderan tanta cantidade». José Luis Rivera, concelleiro de Cultura, Eventos e Turismo, quixo destacar o «éxito rotundo» da actuación de Orquestra Panorama, que congregou o xoves a centos de persoas en Quiroga, «a pesar de que ou tempo non nos acompañou moito», dixo.

Rúa Real festas de veran 2019
Rúa Real de Quiroga durante a Mostra do Mel / DdQ

Ademais de mel e relacionados, como a xelea ou o pole, tamén había á venda outros produtos da zona -como aceite, licores ou marmelada- e postos de artesanía. A música correu a cargo do grupo local de música tradicional O Recanto.

Preocupa a velutina

Os apicultores quirogueses están loitando activamente contra a avespa velutina, que se está vendo máis ca nunca na comarca. Dende o inicio da primavera están colocando as trampas que lle proporciona a Xunta de Galicia e outras fabricadas por eles mesmos nas que xa colleron centos de raiñas desta especie tan perxudicial para as abellas. E que segundo eles mesmos recoñecen está sendo dificil de eliminar.

Tamen este ano, aínda que en menor medida, deixouse ver o paso do oso pardo. Ainda que se constata o seu paso non chegaron a producir danos nos colmeares, xa que a fundación Oso Pardo proporciona pastores eléctricos aos apicultores que informan do seu paso, o que impide a estes animais entrar nos colmeares.

DdQ / RTMQ

Deixar un comentario