«Un lugar nunca antes alcanzado»

Recentemente, o colectivo G.E.B. (Grupo de Exploración da Buraca) ultimou a exploración do que denominaron como «a ruta dos sifóns», na cova da Buraca das Choias, xunto á aldea de Visuña, no corazón da Serra do Courel.

Á fronte da expedición estaban dous espeleomergulladores, Rafa Jurado e Manuel de las Heras, que conseguiron chegar a un lugar nunca antes alcanzado, o sifón 10, o cal conseguiron pasar, completando a exploración do mesmo. Aínda que é certo que o verán pasado outro grupo de espeleoloxía chegara a completar o sifón nove, ata a data ninguén proseguira máis aló dese punto.

Os sifóns son as partes dunha galería subterránea onde o teito toca a auga e para continuar a súa progresión necesítanse equipos de mergullo, ao estar completamente asolagadas.

Diario de Quiroga - Rafael Jurado - Saindo do Sifon 3.jpg
Na imaxe, o mergullador Manuel de las Heras saindo do sifón tres / Rafa Jurado

Jurado e das Heras realizaron dúas inmersións de punta en apenas quince días na Buraca das Choias. En ambas actuaron en parella, como un miniequipo, pero sen máis axuda externa, porteándose eles mesmos todo o equipo necesario, tanto á entrada como á saída.

A primeira delas tivo lugar o 26 de xuño e conseguiron aumentar en 40 metros a zona coñecida ao adentrarse no sifón 10, aínda que non puideron completalo debido á constante necesidade de ir desobstruíndo e apartando bloques de roca. A segunda foi o 11 de xullo e neste caso foron capaces de pasalo completamente e chegar a unha zona descoñecida e inédita da cova, a cal estiveron a explorar e fotografando durante dúas horas.

A sorpresa levárona ao atopar varios ramais e galerías enormes, de moito desenvolvemento e con formacións espectaculares, como estalagmitas e estalactitas de formas estrañas e cores variadas, que haberá que estudar e explorar máis a fondo. Unha das galerías, que bautizaron como «a galería do bucle», regresa ao lago que fai de orixe do sifón 10.

Presumiblemente, o décimo é o último sifón da parte máis baixa da cova («a ruta dos sifóns»). Con todo, é imposible polo momento descartar que poidan aparecer outros en niveis superiores da cavidade. Estas galerías novas suman en total un desenvolvemento explorado ata agora de douscentos oitenta metros.

Diario de Quiroga - Rafael Jurado - Estalactitas na zona nova.jpg
Estalactitas nunha das novas zonas / Rafa Jurado

Trátase dun traballo moi metódico, e que prepararon concienzudamente, sabedores de que un erro no interior dunha cavidade pode ter consecuencias fatais. A cantidade necesaria de aire para todos os sifóns resólvena empregando tres botellas por cada mergullador. Nestas exploracións de punta é normal permanecer activo dentro da cavidade por un tempo que supera as catorce horas, polo que resulta nunha actividade de enorme demanda física. A todo iso hai que sumar o tempo e esforzo de porteo de material dende o vehículo á cova e viceversa.

No interior da cova non lles falta auga, da cal beben para manterse hidratados e poder afrontar o enorme esforzo. Esta auga atópase bastante fría, a unha temperatura de 7 graos, e oscila moi pouco dese valor ao longo do ano. Para comer, recorren a xeles enerxéticos de froita e a barritas enerxéticas, pero sen encherse demasiado. Sempre tentan non deixar resto nin residuo algún do seu paso pola cova.

Xa pensan nunha nova incursión

Agora, os dous espeleomergulladores xa están a pensar na súa próxima incursión na cova. Unha das opcións que barallan é estender a estancia no interior durante un ou dous días, algo que lles permitiría poder realizar unha exploración das novas zonas con máis detemento.

Das investigacións que se realicen nas partes máis remotas da cavidade poderíase deducir importante información sobre a historia do planeta, a evolución do clima e outros datos científicos de indubidable interese. A exploración desta cavidade, ademais da súa dimensión deportiva e a súa aplicación científica, será útil para dar a coñecer O Courel e o territorio do xeoparque.

facebook

Imaxe de cabeceira: Manuel de las Heras na que bautizaron como «a galería do bucle» / Rafa Jurado

En vídeo

Deixar un comentario