Castro Caldelas propón un Camiño de Inverno sen Quiroga nin Ribas de Sil

O Concello de Castro Caldelas presentou á Dirección Xeral de Patrimonio os resultados dunha investigación coa que tenta avalar que antigamente os peregrinos que escollían o traxecto do Camiño de Inverno atravesaban esa zona, segundo recolle a Voz.

O obxectivo que parecen perseguir é o de recuperar unha altenativa do trazado do Camiño de Inverno a Santiago que desde A Rúa, en lugar de entrar na provincia de Lugo polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón e Monforte, seguiría por terras ourensás, atravesando os municipios de Trives e Castro Caldelas; e dende aquí, cruzaría o Río Sil e as terras de Sober para chegar a Monforte, onde xa enlazaría co actual trazado do Camiño de Inverno.

O feito de que os peregrinos pasasen polo concello caldelao faría que deixasen de pasar polos municipios de Quiroga, Ribas de Sil e A Pobra do Brollón, ao tratarse dun novo percorrido.

Aida Menéndez, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, recoñece non entender esta iniciativa do Concello de Castro Caldelas, «que agora pretende converterse nun referente do Camiño de Inverno, cando estivo todos estes anos de costas ao Camiño, mentres outros o apoiaron como son os concellos lugueses de Quiroga ou Ribas de Sil».

Ademais, Menéndez, consideran que é «un gran erro», neste momento, recuperar unha posible alternativa cando aínda non se consolidou o actual trazado do Camiño de Inverno. Fai fincapé en que «non é bo dividir neste momento, porque isto non beneficia a ninguén».

Segundo a presidenta da Asociación, o Camiño de Inverno, malia que está en crecemento constante, polo momento aínda non concentra un número suficiente de peregrinos como para diversificar o percorrido e pensa que só cando se consiga un número notable de peregrinos cabería a posibilidade de «falar sobre esa altenativa; mentres tanto, todos perderiamos e confundiriamos ao peregrino».

Deixar un comentario