Unha axuda permitirá adquirir material para museos do Xeoparque

O Concello de Ribas de Sil viuse beneficiado por unha axuda da Xunta de Galicia para a adquisición de equipamento dos locais do Xeoparque Mundial da UNESCO das Montañas do Courel. Ribas de Sil tramitou esta subvención en nome dos tres municipios que conforman o territorio do citado xeoparque. A axuda está dotada cunha partida de 16.224,50 €.

Segundo contou Roberto Castro, presidente da Asociación Montañas do Courel, na Voz, en Ribas de Sil empregarán este diñeiro para adquirir vitrinas para o Museo da Minaría, situado no recinto do Xeocamping de San Clodio e cuxas obras están cada vez máis avanzadas.

En Quiroga, esta axuda servirá para completar a ampliación do Museo Xeolóxico de Quiroga dotandoo dos equipamentos necesarios para as novas salas que están sendo construídas.

Trátase dunha serie de subvencións destinadas a impulsar equipamentos culturais a través dun programa de axudas «que pretende que todos os veciños e veciñas teñan acceso a instalacións e servizos culturais de calidade no seu propio municipo», declarou José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta en Lugo.

Deixar un comentario