Que facer este verán en Ribas de Sil?

Son moitas as actividades programadas polo Concello de Ribas de Sil dentro do amplo programa de actividades culturais e de lecer que presentou o propio consistorio. Entre elas están o obradoiros de verán, que están en funcionamento dende o pasado luns 1 de xullo.

Nestes obradoiros, que se desenvolven de luns a venres de 10:30h a 13:30h, participan nenos e nenas de entre 3 e 16 anos e organízanse actividades variadas, como saídas á Praia Fluvial, manualidades, xogos, saídas socioculturais, actividades deportivas, etc. As persoas que precisen máis información ou coñecer as tarifas podense achegar á Aula de Pesca.

Ademais, este sábado día 6 o Restaurante Praia Fluvial celebrará o seu sétimo aniversario. Haberá promocións de viño Lar de Ricobao a partir das oito da tarde e a continuación zumes naturais caseiros con e sen alcohol. Para as 23:45h hai programado un concerto de versións de cancións dos anos noventa a cargo de Sergio Alba. Con determinadas consumicións entregarase un ticket co que se poderá participar nos numerosos sorteos que se celebrarán cada trinta minutos a partir das nove da noite. Os premios son variados: estoxos de viño, ceas de fin de semana en Cafetería Praia Fluvial, cea na Casa Ferreiro, noite en Casa Ferreiro, 2 voos en parapente e, como colofón final, un televisor Led de 32 pulgadas, este último sorteo terá lugar ás dúas da madrugada.

O domingo 14, ás 20h, actuará Paco Cerdeira Pakolas, que presentará unha actividade musical dirixida a público infantil e familiar. Un concerto no que os protagonistas serán os nenos e nenas, aos que se convida a participar cantando, bailando e falando. Pakolas presenta neste concerto o seu primeiro traballo en solitario, tras o seu paso polas formacións Mamá Cabra e Gramola Gominola, da que é fundador e integrante.

Para os días 20 e 27, sábado, instalaranse inchables na Praia Fluvial de San Clodio en horario de tarde.

Anxo Moure ofrecerá o domingo 21 ás 20h un espectáculo de contacontos e música. Moure é o impulsor de Contos Solidarios, un proxecto cultural, medioambiental e de solidariedade que defende o conto como ferramenta educativa, de sensibilización e loita para construír un mundo en harmonía co ecosistema e garante da xustiza social.

O domingo 28 estará en Ribas de Sil o Mago Deimi. Natural de Ribadavia (Ourense) tivo a afección da maxia dende cativo, unha paixón que lle está acompañando toda a vida e así se pode comprobar en calquera dos seus espectáculos. Damián Varela foi a máis cos anos e ademais de mellorar a técnica adquiriu unha empatía e unha forma de facer chegar a maxia moi humorística. Deimi ofrece un espectáculo de maxia moi variada e divertida onde predomina o seu dinamismo cun estilo cómico e desenfadado. Ademais da súa actuación, que terá lugar ás 20h no anfiteatro, estará ás 12h nun obradoiro de maxia na Aula de Pesca.

Para o mes de agosto xa teñen previstas máis actividades, ademais das festas que organizan cada ano.

Deixar un comentario