Quiroga celebra este domingo a mostra dun aceite “excelente”

O aceite é un dos produtos máis singulares de Quiroga debido ao seu clima especial. A obtención artesanal deste produto pérdese na memoria dos tempos e inevitablemente achéganos mesmo ata o paso dos romanos por estas terras. Dende o ano 2000, o concello organiza a Mostra do Aceite de Quiroga, unha feira que ostenta o título de festa de interese turístico e que ten como obxectivos poñer en valor, promocionar e recuperar o aceite de Quiroga. Este domingo 12 de maio celebra en Bendilló a súa décimo novena edición.

Calidade excelente

A cata previa dos cinco aceites participantes na XIX Mostra do Aceite de Quiroga determinou que son dunha calidade excelente. Neste acto, celebrado na sala de catas do Museo Etnográfico de Quiroga, participaron membros cualificados da asociación Amigos dos Aceites de Quiroga e Gallaecia (AMIAQUIGAL), pero tamén persoas alleas a esta organización e vencelladas ao sector dende diversos ámbitos profesionais mais sen coñecementos especiais da análise organoléptica do aceite.

Para determinar que a calidade destes aceites é excelente, os catadores tiveron moi en conta que estivesen libres de defectos e avaliaron os aromas e sabores deste produto que persegue a obtención dunha denominación de orixe.

Os cinco aceites que concorrían a esta cata xa superaran previamente as probas especificadas pola normativa europea para este tipo de produtos nun laboratorio especializado, segundo recolle a RTMQ.

Programa

Ás 11:30h poñerase en funcionamento o Muíño de Bendilló e comezará a demostración da elaboración tradicional de aceite -que se prolongará durante toda a xornada- e actuará o grupo de gaitas quirogués O Recanto, que repetirá ás 12:45h -xunto co grupo de danza San Martiño- e ás 14:30h. Ás 12:00h terá lugar unha cata aberta e comentada no interior da Capela das Farrapas. No recinto feiral haberá exposición e mostra de produtos típicos da zona e poderase comer polbo e churrasco.

Cinco colleiteiros

Pedro Soto Losada, José Manuel López Maseda, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez e Manuel Mondelo Rodríguez.

Spot

A Televisión Municipal de Quiroga elaborou o spot promocional do evento.

Deixar un comentario