Quiroga Trail Challenge

O Trail do Lor celebra este sábado unha nova edición con case 500 inscritos

Preto de 500 deportistas danse cita este sábado 4 de maio nunha nova edición do Trail do Lor, unha das dúas etapas do Quiroga Trail Challenge, o circuíto de carreiras por montaña máis esixente da zona noroeste da península.

É a carreira máis dura de Galicia, non pola distancia nin polo desnivel senón polo terreo sobre o que se desenvolve. Ademais, a edición deste ano chega cunha importante novidade, xa que a organización incorporou unha andaina con saída e chegada en Margaride. Deste xeito, o Quiroga Trail Challenge pretende agradecer a colaboración e implicación da veciñanza desta aldea quiroguesa na pasada edición.

O resto de distancias serán Ultra – Kissthemountain, duns 65km; Maratón, de arredor de 42 km; Trail – Galitiming, de 25 quilómetros; e por último o Minitrail, de 15 km. Dos 65 km da distancia Ultra: 4.5 transcorren por asfalto, 21 por camiños e sendeiros, 14 por pistas e cortalumes e 26 monte a través.

O tempo parece que vai a acompañar aos preto de 500 participantes. Segundo as predicións de AEMET, o sábado en Quiroga teremos unhas temperaturas de 10º C de mínima e 25º C máxima, con ceos despexados, polo que en todo o percorrido vai ir moita calor.

Máis novedades

Ademais da andaina en Margaride, como novidade este ano contan con Trailshot, unha aplicación que permitirá a organización, voluntarios, espectadores e mesmo participantes actualizar en directo e cos puntos de xeolocalización, fotografías e vídeos. Desta maneira desde calquera punto do planeta, poderán ver canto lle queda a cada participante para rematar a proba. Ademais poderase facer procura por dorsal ou por un punto do percorrido.

Deixar un comentario