13 establecementos participan no oitavo Quiroga de tapas

Os hostaleiros de Quiroga preparan xa a oitava edición do concurso Quiroga de tapas, que terá lugar do 11 ao 19 de abril. Participarán un total de 13 establecementos hostaleiros da vila e poñerán as súas propostas a disposición dos clientes de 12:00h a 14:30h e de 19:00h a 22:30h. Este certame gastrónomico está convocado dende a Área de Xuventude.

Hoxe ás 19:00h terá lugar a inauguración do certame no Restaurante O Rego Gastrobar. Asistirán Julio Álvarez, alcalde de Quiroga; os concelleiros do grupo de goberno; Cheché Real, Presidente da Asociación de Hostelería de Lugo; e Beatriz Vila, delegada da Zona Sur desa mesma asociación.

Establecementos participantes

Adega de María (Cristal transparente), Bar as Palmeras (Boliñas), Bar Quiper (Nido de pasta), A Taberna (Gambón en salsa de pimenta negra), Pub Ruxe-Ruxe (Xatecomo), Bar Lago (Turnedor ó queixo de Cabrales), Bar Félix (Corazón de pataca con solombo en viño branco acompañada de champiñóns en salsa de cebola caramelizada), Restaurante o Roxo Vivo (Pé de porco recheo de boletus con pataca panadeira en salsa de mencía con froitos vermellos), Casa Torres (Polo crocante con froitos vermellos), Bar Chapakuña 3 (Paquetiños de delicias), Ciber Café A Pedra (Arroz negro con calamares e alioli), Mesón Ferreiriño (Mar e horta) e O Rego Gastrobar (Courel Mountains).

Aplicación móbil

Este ano como novidade, o Quiroga de Tapas engade a aplicación para móbiles de descarga gratuíta “QuedamosdeTapas”. Esta plataforma está deseñada para promocionar eventos gastronómicos e permite aos usuarios, visualizar a información relativa ao concurso e compartir fotos das tapas que están a degustar e a súa experiencia a través de redes sociais.

Esta aplicación convértese nunha ferramenta estratéxica de marketing dixital que axuda a captar novos clientes para cada un dos locais participantes. A aplicación está dispoñible tanto para IOS como para Android buscando “QuedamosdeTapas” ou usando o código QR que aparecerá no cartel do evento nos locais participantes e no facebook de QUIROGA.

Premios

Na presente edición hai numerosos premios para as persoas que completen o circuito e emitan o seu voto á mellor tapa entre todas as participantes. Así poden optar aos seguintes:

  • 300 Euros en metálico
  • Estancia e almorzo para dúas persoas en Hospedería Ferrería Quintá (Quiroga)
  • Xantar ou cea para dous en Casa Ferreiro (Seoane do Courel)
  • Parrillada de carne para dúas persoas en Parrillada Torres (Quiroga)
  • Xantar ou cea para dous en Chapakuña 3 (Quiroga)
  • Estancia na Aldea Rural “O Busto” para cuatro persoas (Pobra do Brollón)
  • Almorzo completo para dúas persoas en Chokolat (Monforte)
  • Xantar para dous en Tapería Brancellao (Monforte)
  • Unha cea para dous en Garden Monforte – Cocktail Bar e Restaurante
  • Produtos típicos de Quiroga: Atrium Vitis, Caurelor, Cervexa Curriña, Deiki, Don Cosme, Lar de Ricobao, Porvide e Rego Natura.

Pola súa banda o local gañador da mellor tapa da presente edición recibirá 100€ e unha placa conmemorativa.

Anterior edición

  • 1º  clasificado: Mesón Ferreiriño con “Reinterpretación de polbo a feira con aceite de Quiroga”.
  • 2º clasificado: Adega da María
  • 3º clasificado: triplo empate entre Bar Félix, Cafetería Quiper e Restaurante O Roxo Vivo.

Deixar un comentario