Manuel Méndez Silvelo será homenaxeado no Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas

Esta semana tivo lugar a presentación dunha nova edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas e a Feira do Viño de Quiroga, que se celebrará o 20 de abril na Praza de España.

Este ano participan no certame trece bandas de distintos concellos das provincias de Lugo, Ourense e A Coruña. A figura homenaxeada será a do polifacético artista Manuel Méndez Silvelo, o gaiteiro de Outeiro, que é tamén percusionista, cantor, poeta e artesán.

Horarios (20 de abril)

11:50h 2º Grao Concello de Quiroga
12:00h 2º Grao Concello de Riós
12:10h 2º Grao Concello Vilariño de Conso
12:20h 2º Grao A Tarazana
12:30h 2º Grao Preparatorio
12:40h 2º Grao Mun. Chantada
12:50h 2º Grao Ladies Band
Entrega da Medalla de Ouro da Real Banda de Gaitas a Manuel Méndez Silvelo
13:00h 1 º Grao Concello Monforte de Lemos
13:10h 1 º Grao Xinzo de Limia – B
13:20h 1 º Grao Devandoira Infantil
13:30h 1 º Grao Agarimo de Catabois
13:30h 1 º Grao Real Xuvenil
14:00 Entrega de diplomas e medallas. Ao rematar formarán todas ás Bandas para interpretar o Himno do Antergo Reino de Galicia en conxunto.

Manuel Méndez Silvelo

O director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo, escribe o seguinte sobre o homenaxeado deste ano:

Non é doado escribir algo sobre un artista tan polifacético como o que nos ocupa. Manuel Méndez Silvelo é poeta, artesán, cantor, percusionista e, sobre todo, gaiteiro.

Naceu en Outeiro cando este lugar aínda pertencía ao Caurel, aló polo ano 1942. Desde ben cativo sentíu a chamada da música. Nunha ocasión, cando só contaba cinco anos, un grupo de gaitas foi tocar a Outeiro, e seica lles colleu o bombo, quedando sorprendidos como aquel neno levaba tan ben o ritmo da música.

Como a maioría dos gaiteiros das aldeas de Galicia buscou a vida facendo as primeiras frautas das cascas das brelas dos castiñeiros ou de centeo, e de caixa unha lata das sardiñas. Con todo facía música o gaiteiro de Outeiro. Como a maioría da mocidade das aldeas tivo que emigrar. A sorte levouno a Barcelona, onde actuou coa masa coral “Lonxe da Terra” do Centro Galego. De Barcelona trasládase a Vigo onde mantivo contacto e amizade con destacados Mestres gaiteiros como Moxenas, Antón Corral ou Xaquín Míguez “Xocas”. Formou parte do Grupo “O Recanto” de Quiroga e actualmente é membro activo da agrupación “Os Xograres de Lemos” así como batería da Orquestra de Romeor. O labor do noso artista é salientable en moitos aspectos do arte, pero tamén como poeta, tendo neste momento escritos máis dun millar de poemas. Os seus cantos e o seu pensamento son unha auténtica mirada ao pasado glorioso da vida do mundo rural.

Manuel Méndez Silvelo foi un dos máis destacados e prolíficos informadores dos “Cancioneiros do Caurel” e do recentemente publicado “Cancioneiro Antropolóxico, Quiroga, Ribas do Sil e Montañas do Lor”

No contexto da celebración da 2ª Fase do X Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas en Quiroga, os gaiteiros, en colaboración co Concello de Quiroga, réndenlle unha merecida homenaxe ao grande artista de Outeiro, desexando que siga traballando coa ilusión e bonhomía que o caracteriza por longo tempo.

Xosé Lois Foxo

certame-celtiberico-gaitas-quiroga-presentacion.jpg
No acto de presentación, que se celebrou na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez e o concelleiro de Cultura, José Luis Rivera; o director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo, e os gaiteiros Alberto Roncero e Lorenzo Lemos.

Deixar un comentario