Asociacións de Quiroga organizan unha peregrinación por etapas polo Camiño de Inverno

A Asociación Cultural San Bartolomé de Hospital, en colaboración coa Asociación Socio Cultural da Comarca de Quiroga, ofrece a todos os socios e non socios que estean interesados a oportunidade de realizar o Camiño de Inverno por etapas. Partido de Ponferrada o 31 de marzo, e dividindo o traxecto ata Santiago de Compostela en nove etapas, do seguinte xeito:

  • 1ª etapa: Ponferrada – Puente Domingo Flórez 35km (domingo 31 de marzo)
  • 2ª etapa: Puente Domingo Flórez – A Rúa de Valdeorras 28,5km (domingo 7 de abril)
  • 3ª etapa: A Rúa de Valdeorras – Quiroga 28km (domingo 12 de maio)
  • 4ª etapa: Quiroga – Monforte de Lemos 33km (domingo 2 de xuño)
  • 5º etapa: Monforte de Lemos – Chantada 31,5km (domingo 30 de xuño)
  • 6ª etapa: Chantada – Rodeiro 26km (domingo 29 de setembro)
  • 7ª etapa: Rodeiro – A Laxe 26,8km (domingo 6 de outubro)
  • 8ª etapa: A Laxe – Ponte Ulla 33,3km (domingo 20 de outubro)
  • 9ª etapa: Ponte Ulla – Santiago de Compostela 16km (domingo 17 de novembro)

A viaxe ata o lugar de saída e o retorno a Quiroga desde o lugar de chegada en cada etapa realizarase nun autobús que partirá dende a Praza de España de Quiroga á hora convida, dependendo da distancia ao lugar de inicio da etapa e da previsible duración da mesma (a organización informará con tempo aos inscritos). O autocar acompañará aos peregrinos durante o traxecto por se alguén se sinte cansado ou indisposto.

O prezo total da actividade será duns 60 euros (socios/as) e 70 euros (non socios/as), e abonaranse no momento da inscrición na súa totalidade. Os interesados poden anotarse na Liberia Celia antes do 20 de marzo.

Un camiño en auxe

Cada vez son máis os peregrinos que escollen esta ruta para chegar a Santiago. Persoas chegadas dende distintos puntos do mundo elixen este camiño tradicionalmente empregado polos peregrinos que querían evitar a neve de O Cebreiro.

En outubro e novembro do pasado 2018, o Albergue de Quiroga recibiu a visita de tres peregrinos australianos, un deles viña acompañado por outra persoa chegada dende Noruega. Tamén o coñecido xornalista Carlos Herrera aproveitou as súas vacacións  o pasado verán para realizar o Camiño de Inverno a Santiago. O comunicador de COPE fixera incluso parada en Quiroga, para descansar tras percorrer dende ben cedo un importante traxecto. Os quirogueses e quiroguesas puideron ver a Herrera paseando pola feira do día 27 de xuño.

herrera
Herrera nun vídeo ao seu paso polo Concello de Quiroga / Imaxe: redes sociais

Para a súa promoción tamén se levan a cabo accións entre o alumando dos centros educativos. A concienciación e a difusión de información sobre este camiño entre a poboación é elemental para que medre. A Asociación do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra organiza cada ano unha andaina cos colexios. A última edición, de 2018, congregou a preto dun milleiro de escolares das comarcas de Quiroga, Val de Lemos e Chantada.

Imaxe: Wikiloc / User Stephanum

Deixar un comentario