Case o 90% dos incendios forestais rexistrados en Galicia na última quincena foron intencionados segundo a Xunta

O 90% dos incendios forestais que se rexistraron en Galicia nas últimas dúas semanas foron intencionados. Así o trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, este martes na reunión do Comité de Coordinación Policial Antiincendios, órgano do que forman parte representantes dos diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado presentes en Galicia, ademais da propia Xunta.

Neste sentido, José González explicou que dos 90 incendios que houbo na nosa comunidade desde o pasado 30 de decembro ata o 13 de xaneiro, 80 deles foron claramente intencionados, é dicir, case o 90%. Así, constatouse unha clara intencionalidade xa que 17 dos lumes rexistrados nese período tiñan máis de dous focos simultáneos e 39 lumes producíronse en horas nocturnas, cando os medios aéreos non poden voar por falta de visibilidade.

O conselleiro do Medio Rural adiantou que estes lumes supuxeron un gasto para todos os galegos de máis de 200.000 euros, unha cifra que debe servir de reflexión, xa que se esa cantidade non se gastase en extinguir, investiríase en crear actividade económica rendible no medio rural.

Ao fío disto, José González insistiu unha vez máis en que dende a consellería se trasladarán os gastos de extinción aos que se demostre que prenden lume, para que paguen o dano causado con todo o peso da lei. “Hai que ser implacables cos incendiarios”, sentenciou.

Chamada a denunciar aos incendiarios

En relación coa denuncia da actividade delituosa incendiaria, o conselleiro anunciou a tramitación da posta en marcha dun número de teléfono gratuíto e específico para denunciar condutas incendiarias, no que se garanta o anonimato do denunciante. Tamén explicou que se preparará un protocolo en conxunto cos corpos e forzas de seguridade do Estado para garantir o correcto emprego dos datos.

Tamén neste sentido, trasladou que nas vindeiras datas manterá xuntanzas cos propios axentes do territorio para abordar a situación vivida nas últimas semanas e para trasladarlle a repercusión que pode ter un incendio forestal con penas de cárcere e coa repercusión dos gastos se se demostra quen prendeu o lume.

O conselleiro apelou unha vez máis á colaboración cidadá na loita contra este problema e animou a alertar sobre posibles lumes e a denunciar actuacións sospeitosas no monte, que poidan ser causa de incendios.

Así mesmo, felicitou o persoal que traballa contra os lumes pola súa eficacia e profesionalidade, que unha vez máis se puxo de manifesto nestas pasadas datas. Así, lembrou que dos 90 incendios rexistrados entre o 30 de decembro e o 13 de xaneiro, case o 68% quedaron en conato, grazas á rápida intervención do operativo.

Deixar un comentario