A Xunta apoia con 19.500€ unha ruta para a visita e interpretación do complexo arqueolóxico mineiro do Covallón, en Ribas de Sil

A Xunta, a través de Turismo de Galicia, achega 19.500 euros ao Concello de Ribas de Sil para financiar unha actuación que ten por obxecto definir unha ruta turística para a visita e interpretación do complexo arqueolóxico mineiro do Covallón, na parroquia de Santiago de Soutordei.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta axuda enmárcase dentro da liña de cooperación con entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural e suporá un 65% do orzamento do proxecto.

A través desta iniciativa apoiada pola Xunta preténdese sinalizar e adaptar unha ruta arqueolóxica entorno ás minas do Covallón, O Vogo e A Escrita, explotacións mineiras da época romana realizadas a ceo aberto, e ao túnel de Augas Santas. O proxecto prevé unha ruta principal duns 4,5 quilómetros, de carácter circular, con principio e fin no lugar da Escrita.

A proposta incide na divulgación mediante a colocación ao longo do percorrido de sinais direccionais e diversos paneis informativos con explicacións sobre a ruta e sobre os propios xacementos e os tipos de sistemas de explotación mineira romana.

No punto de partida está previsto adaptar unha área de estacionamento de vehículos e colocar un cartel informativo con indicacións sobre a ruta e sobre o proxecto do xeoparque ‘Montañas do Courel’, que aspira a integrarse na Rede Mundial de Xeoparques da Unesco.

As accións programadas inclúen traballos de limpeza e explanación do camiño, empregando maquinaria axeitada ás características do terreo.

O delegado valorou que con esta achega, a Xunta contribúe “a poñer en valor e mellorar o coñecemento dun espazo único, de altísimo valor patrimonial”. Deste xeito, engadiu, “aproveitamos outro mecanismo de reequilibrio territorial e ao mesmo tempo incidimos no tipo de turismo que queremos desenvolver na provincia: accesible, sustentable e de calidade”.

Deixar un comentario