Alumnado do IES de Quiroga interésase pola FP nunhas xornadas do Daviña Rey

REDACCIÓN | QUIROGA


Alumnado do último curso da ESO do IES de Quiroga participou nas Xornadas Profesionais organizadas polo IES Daviña Rey de Monforte de Lemos e que contaron coa presenza de tres empresas con longa traxectoria na cidade do Cabe, Sycime, Agrícola Pérez e Prodeme.

Os seus responsables falaron da súa experiencia desde o punto de vista empresarial sobre o mercado laboral para os titulados en FP nas familias profesionais de Elecrónica e Electricidade, Automoción e no eido dos coidados e a Dependencia. Falaron de paixón polo traballo, de ganas de traballar, de vocación, de formación de calidade nestas titulacións e da gran demanda que teñen de titulados actualmente.

Estas Xornadas Profesionais puxeron de relevo, segundo responsables do IES Daviña Rey, “a posición de vantaxe actualmente destas titulacións en FP fronte ás titulacións universitarias”. Alba Valdés, en representación do Polo de Empredemento de Monforte, explicou a posibilidade de facer viable e tanxible unha idea empresarial para estes titulados como emprendedores, viaxe na que desde este Polo acompañan e asesoran para que poda ser posible.

Para que a visión sobre o mercado laboral ao rematar os estudios de FP fose aínda máis realista, exalumnado dos Ciclos de Telecomunicacións, de Automoción e de Atención a Persoas en Situación de Dependencia do Daviña Rey contaron as vantaxes de estudar FP e a rápida incorporación con estas titulacións ao mundo laboral coa posibilidade de seguir formándose no mundo da FP.

Pechou as xornadas Brais Moure, programador informático e youtuber de Monforte, falando da súa traxectoria profesional con moito humor e dos seus comenzos e da persecución dos soños de cada quen.

Durante dúas horas, o alumnado de cuarto da ESO do IES de Quiroga, Escolapios, Ferroviario e do propio Daviña Rey participou nunhas xornadas que abordaron experiencias, formación de calidade, a oferta formativa do centro, e a paixón “que é tan necesaria nestes tempos tan dixitais, tan veloces e con tanta oferta que parece abrumar á xente máis nova sen producirlle e espertarlle o corazón e a chispa”, indicaron dende o instituto monfortino.

Deixar un comentario