CV denuncia que O Courel quedará tres días sen médico esta semana

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


A formación Caurel Vivo (CV) denunciou que O Courel quedará sen médico tres días esta semana. Un cartel indica que non haberá servizo nin no centro de saúde de Folgoso nin no de Seoane.

Óscar Carrete, voceiro de CV, asegura que “non se cubren axeitadamente as ausencias dos facultativos, xa sexan baixas, vacacións ou días de libre disposición. Isto supón que, no mellor dos casos, un só médico teña que cubrir as dúas consultas, reducindo a menos da metade o horario de atención ao paciente, como ocorre últimamente”.

Segundo Caurel Vivo, “a ausencia por baixa dunha das facultativas fixo que se cubrisen menos dun tercio dos días de consulta nos últimos tres meses”.

A vindeira semana non haberá atención nos centros de saúde o luns, o mércores e o venres. “Isto supón que estes días haxa veciños que por mor da dispersión xeográfica teñan o médico máis cercano a unha hora e cuarto”, lamenta Carrete. Di que pensan chegar “onde faga falta para que respecten os nosos dereitos”.

Deixar un comentario