A asociación que xestiona o Xeoparque disporá por fin de persoal propio

REDACCIÓN | QUIROGA


A asociación que xestiona o Xeoparque Mundial Unesco Montañas do Courel inicia un proceso aberto para a contratación dun titulado superior, do ámbito das ciencias, que terá a súa base de traballo no Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana (CIMAR) de Ribas de Sil, pero que tamén se poderá desprazar ao Museo Xeolóxico de Quiroga, o das covas de Meiraos ou a Estación Científica de Seoane.

Deste xeito, o Xeoparque contará por fin con persoal propio, un vello anhelo dos seus xestores, que sempre o consideraron un punto importante para o desenvolvemento desta figura de recoñecemento internacional avalada pola Unesco.

O traballador ou traballadora terá entre as súas funcións o desenvolvemento de actividades divulgativas, promocionais e turísticas; colaboración coa xestión do Xeoparque, elaborando informes e memorias; desenvolver programas educativos, recursos e contidos para a web, redes sociais e medios de comunicación; participar en proxectos nos que tome parte Montañas do Courel e asistencia a programas científicos, xuntanzas e visitas insitucionais ao Xeoparque.

O contrato é indefinido e o salario situarase nos 32.000 euros brutos ao ano. O prazo para presentación de solicitudes remata ás 23:59 horas do martes 4 de xuño a través do correo info@ribeirasacracourel.es. Aquí podes consultar as bases do procedemento.

Deixar un comentario