O BNG reclama no Parlamento galego unha solución para a estrada do Courel

REDACCIÓN | QUIROGA


O BNG denunciou novas incidencias na vía LU-651 no tramo que une Ferrería Vella con Seoane do Courel. Sinalan que esta mesma semana “cae parte da estrada e, como solución, o Goberno galego cortou a estrada e deu como alternativa un trazado a todas luces perigoso e dificilmente transitable para a grande maioría de vehículos”.

Aseguran que o grao de periogosidade é tan elevado que este xoves se suspendeu o servizo de transporte escolar por ese desvío alternativo “ante a falta de garantías de seguridade para o alumnado e persoal”, din. Dende a ANPA do CPI Uxío Novoneyra, que enviaron un comunicado ao respecto á Xunta, afirman que é “un camiño estreito e con forte pendente que dificulta e fai perigoso o tránsito de turismos e furgonetas”.

Os nacionalistas sinalan que “a solución que a Xunta deu ás familias é que sexan elas mesmas as que leven o estudantado aos centros educativos ou que directamente non acudan ás aulas, e ante as protestas abriu de novo a estrada o xoves 23 só para o transporte escolar”.

Dende o BNG pregúntanse se “a estrada deixou de súpeto de ser perigosa para os escolares e segueo sendo para adultos”. O deputado no Parlamento de Galicia Iago Suárez rexistrou unha petición na cámara galega en relación con este asunto.

Deixar un comentario