Unha obra de teatro en galego sobre a emigración para o Día das Letras Galegas

REDACCIÓN | QUIROGA


Quiroga acollerá a representación dunha obra de teatro en galego sobre a emigración para conmemorar o Día das Letras Galegas. Será este venres ás 20:00 horas no auditorio municipal, está dirixida a maiores de 16 anos e a entrada é de balde.

A obra, titulada ‘Boa sorte, mala fama’, é unha creación da compañía Tarabela Creativa, asentada en Lugo e fundada por Diego Gallego e por Carmen Conde. Perseguen dúas vocacións, contar historias a través das artes escénicas e do audiovisual e ‘plantar a semente’ dos futuros contadores e contadoras en diverso formato a través da formación.

Sinopse

Sempre se soubo que as andoriñas son aves de bo augurio e que alí onde aniñan traen fortuna. Pouco se fala, en cambio, do molestas que se lle fan a moita xente. Por iso estas aves dan boa sorte, pero teñen mala fama. Ningún outro animal se parece tanto aos emigrantes galegos: estamos en cada continente, vivimos facendo colonias, temos na cabeza o camiño de volta a casa e marchamos por necesidade. E, igual que as andoriñas, ganamos mala fama, alá onde fomos a buscar a nosa boa sorte. Este espectáculo nace da necesidade de contar, precisamente, aquilo do que pouco se fala.

Deixar un comentario