A curtametraxe Corre o Vento estrearase en marzo no Festival de Málaga

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


A curtametraxe Corre o Vento, dirixida pola cineasta courelá Paula Fuentes e rodada no propio Courel, xa ten data de estrea. Será o vindeiro 2 de marzo na Sala de Turismo y Deporte de Andalucía (Málaga), dentro do programa da 27 edición do Festival de Málaga, que reunirá “o mellor cine en español”, con preto de 250 audiovisuais entre as súas diferentes seccións.

O director do festival, Juan Antonio Vigar, indicou que este ano a cifra de inscricións alcanzou un total de 2.557 producións, das que seleccionaron tan só 246. Estes traballos proceden de 67 países, “o que demostra o importante posicionamento internacional do festival, cun conxunto de títulos que son unha radiografía do audiovisual en español dos últimos meses”, dixo.

Dende a dirección de Corre o Vento, que Fuentes comparte con Guillermo Carrera, amosáronse “moi orgullosas da nosa selección e de poder formar parte dunha programación tan interesante, nun festival que para nós significa tanto”, celebran.

Do mesmo xeito, din estar “moi agradecidas a toda a equipa que fixo posible este soño, tanto na parte técnica como artística. Especialmente aos protagonistas desta historia: Nuria Lestegás, Josefa, Nazario, Xan e Carlos”.

Hai escasas semanas, esta curtametraxe foi incluída no catálogo promocional da Xunta Shorts from Galicia. A publicación, dispoñible aquí e na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, ofrece información e acceso baixo demanda a esta e outras cinco curtas. 

DIRECCIÓN

Paula Fuentes (2001) e Guillermo Carrera (2000) coñecéronse estudando cinema na Escola Superior de Cine e Audiovisuais de Catalunya (ESCAC), en Barcelona. Ambos son galegos, Paula é do Courel e Guillermo de Ponteareas. Tras finalizar os seus estudos na ESCAC, Paula realizou un máster en Cinema Contemporáneo e Estudos Audiovisuais na Universidade Pompeu Fabra. Actualmente está a finalizar un posgrao en montaxe audiovisual na UPF Barcelona School of Management.

‘Corre o vento’ (en inglés, Wind Blows By) é a súa primeira curtametraxe como directores, combinando os seus principais intereses: a narrativa en primeira persoa e a representación rural no caso de Paula e a teatralidade e o artificio como medio poético no caso de Guillermo.

SINOPSE

‘Corre o vento’ está ambientado en Vilar do Courel, unha pequena aldea situada nas montañas que resiste a duras penas á súa desaparición, causada polo despoboamento e o envellecemento do campo galego. Os seus tres últimos habitantes son os gardiáns dun espazo sen tempo, que transita polo seu pasado e mira ao futuro desde un presente baleiro, inmóbil e fráxil.

Co regreso de Branca de Barcelona, a realidade da aldea comeza a transformarse. Recordos do pasado e vellas lendas guían aos personaxes a través de bosques máxicos e camiños ocultos. Un espazo onírico imponse ao real, ameazando con quedar fóra de control.

Deixar un comentario