As vivendas afectadas polo apagón da TDT en SD poderán optar a axudas de ata 400 euros

REDACCIÓN | QUIROGA


A Xunta lanzará unha liña de axudas para apoiar ás 4.300 vivendas da comunidade galega, espalladas por 260 concellos, que poderían estar afectadas por estar en zona de sombra e teñen que adaptar os seus televisores tras o apagón da Televisión Dixital Terrestre (TDT) que se vai producir a vindeira semana. Segundo o Concello de Folgoso do Courel, as vivendas de ata 17 aldeas deste municipio se atopan nesa situación.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que a partir do 14 de febreiro, tal e como marcou o Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública, vaise producir o apagón da tecnoloxía SD (standar dixital) da TDT, é dicir, só poderá verse a televisión en alta definición ou HD.

A maioría da poboación galega unicamente terá que resintonizar os canais de televisión ou no caso de contar cun aparello anterior ao ano 2011 mercar un pequeno adaptador para poder acceder ao novo sinal. 

O problema, segundo resaltou o presidente, está nas vivendas localizadas nas chamadas zonas de sombra ou áreas de exclusión da TDT zona III. Os veciños destas áreas están a recibir o sinal da TDT por satélite e agora deberán mercar un novo dispositivo cun prezo que ronda, de media, os 400 euros. Trátase dunhas 4.300 vivendas espalladas por 260 concellos. 

A Xunta trasladou por carta “hai dous meses” ao Goberno central a súa “preocupación” pola situación que ían vivir os galegos que residen en zonas de sombra. Rueda salientou que o Goberno autonómico “vai sufragar o 100%” do custo de renovar os equipos e a instalación nas primeiras residencias, ata un líimite máximo de 400 euros. Se son segunda residencias, apuntou que a estes fogares poderáselles axudar ata o 50% do custo, cun límite máximo de 200 euros.  

O mandatario galego salientou que esta achega terá carácter retroactivo, é dicir, aínda que o cambio de dispositivo se faga antes de que se publique a orde de axudas, bastará con acreditar o gasto para poder recibir a cantidade correspondente despois.

17 aldeas do Courel

Ata 17 aldeas do concello de Folgoso do Courel quedarán sen televisión a partir do próximo mércores 14 de febreiro, cando cesen todas as emisións en formato SD. É o temor do consistorio, que, a través da alcaldesa, Dolores Castro, solicitou á Secretaría de Estado de Telecomunicacións que se aplique unha moratoria por considerar que o cese de emisións deixará sen cobertura a numerosos veciños do Courel.

📸 Erik Mclean / UP

Deixar un comentario