A curta ‘Corre o vento’, no catálogo promocional ‘Shorts from Galicia’

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


A curtametraxe ‘Corre o vento’, dirixida pola courelá Paula Fuentes xunto con Guillermo Carrera, foi incluída no catálogo promocional da Xunta Shorts from Galicia.

O catálogo, dispoñible aquí e na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, ofrece información e acceso baixo demanda a esta e outras cinco curtas. Son as seguintes: Abellón, de Fon Cortizo; Illa Cordura, de Mario Fernández Filloy; Pura, de Carmen Méndez; María Rita, de Juan Barbazán, e De(s)amor, de Alba Pino.

Dirección

Paula Fuentes (2001) e Guillermo Carrera (2000) coñecéronse estudando cinema na Escola Superior de Cine e Audiovisuais de Catalunya (ESCAC), en Barcelona. Ambos son galegos, Paula é do Courel e Guillermo de Ponteareas. Tras finalizar os seus estudos na ESCAC, Paula realizou un máster en Cinema Contemporáneo e Estudos Audiovisuais na Universidade Pompeu Fabra. Actualmente está a finalizar un posgrao en montaxe audiovisual na UPF Barcelona School of Management.

‘Corre o vento’ (en inglés, Wind Blows By) é a súa primeira curtametraxe como directores, combinando os seus principais intereses: a narrativa en primeira persoa e a representación rural no caso de Paula e a teatralidade e o artificio como medio poético no caso de Guillermo.

Sinopse

‘Corre o vento’ está ambientado en Vilar do Courel, unha pequena aldea situada nas montañas que resiste a duras penas á súa desaparición, causada polo despoboamento e o envellecemento do campo galego. Os seus tres últimos habitantes son os gardiáns dun espazo sen tempo, que transita polo seu pasado e mira ao futuro desde un presente baleiro, inmóbil e fráxil.

Co regreso de Branca de Barcelona, a realidade da aldea comeza a transformarse. Recordos do pasado e vellas lendas guían aos personaxes a través de bosques máxicos e camiños ocultos. Un espazo onírico imponse ao real, ameazando con quedar fóra de control.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE A CURTA:

Deixar un comentario