Folgoso do Courel advirte que 17 aldeas quedarán sen televisión en só unha semana

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


Ata 17 aldeas do concello de Folgoso do Courel quedarán sen televisión a partir do próximo mércores 14 de febreiro, cando cesen todas as emisións en formato SD. É o temor do consistorio, que, a través da alcaldesa, Dolores Castro, solicitou á Secretaría de Estado de Telecomunicacións que se aplique unha moratoria por considerar que o cese de emisións deixará sen cobertura a numerosos veciños do Courel.

Segundo explican dende o Concello, a Secretaría do Estado de Telecomunicacións anunciou que se verán afectadas as vivendas que non dispoñan dunha televisión ou decodificador externo compatible e aquelas que reciban o sinal vía satélite e tampouco dispoñan dun receptor compatible.

No Courel, indica a rexedora, “quedarán sen sinal de televisión 17 aldeas que reciben vía satélite e non dispoñen dos novos receptores de Alta Definición. Estos receptores sólo os fabrica unha empresa en España, polo que será dificil dispor deles a tan corto prazo”.

Os veciños que viven nestes núcleos de sombra terán que desembolsar máis de 450 euros polo receptor TDTSAT HD, polo que tamén solicita “que se saque algún tipo de axuda para a compra dos mesmos, xa que, como sempre, a xente que habitamos no rural somos os máis prexudicados“, lamentan dende o Concello de Folgoso do Courel.

Deixar un comentario