Novos cortes de tráfico a partir do martes por obras na estrada LU-651 no Courel

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


O Concello de Folgoso do Courel informou que con motivo da execución dos traballos de movemento de terras para o ensanche da plataforma da calzada, será necesario realizar un corte temporal da circulación de vehículos na estrada LU-651.

O tráfico quedará interrompido dende o martes día 6 de febreiro ata o venres día 9 entre os puntos quilométricos 31+300 (acceso á Ferrería Nova e ao CPI Uxío Novoneira) e o 33+300 (Seoane do Courel), co fin de poder acometer os traballos e garantir a seguridade dos usuarios da devandita estrada, “habilitando para iso desvíos alternativos sinalizados segundo o tipo de vehículos”, din dende o consistorio.

O horario previsto de corte será dende as 9:30 horas ata as 17:00 horas, agás o venres día 9, que se abrirá antes para permitir o paso do transporte escolar, ao finalizar o horario lectivo antes. A circulación dos vehículos quedará restablecida fóra desa franxa horaria, mediante un carril libre cunha regulación semafórica.

Segunda fase da obra

A Xunta vén de formalizar o contrato do servizo de redacción de proxectos en materia de estradas na provincia de Lugo. Adxudicado por máis de 598.000 euros á empresa Ingenieria del Noroeste S.L. (INOR), permitirá impulsar a redacción de proxectos entre os que se inclúe o da segunda fase de mellora da LU-651 entre Folgoso do Courel e Seoane.

O obxectivo da redacción desta segunda fase é darlle continuidade ás obras en execución no treito comprendido entre Ferrería Vella e Seoane, prevendo para esta continuación un investimento superior aos seis millóns de euros.

CV denuncia retrasos

A formación política C@urel Vivo (CV) denunciou os retrasos que acumula a primeira fase das obras, que, segundo indican, “debía estar rematada en marzo de 2023. Non van finalizar en dous anos e a ver se en tres. Pasamos de ter unha estrada cun pavimento aceptable a ter un lamazal de terra“, lamentou o voceiro de CV, Óscar Carrete.

Ao Goberno que saia dos comicios autonómico do 18 de febreiro, C@urel Vivo reclámalle que se comprometa “firmemente co Courel” e “unha solución áxil para rematar a obra”, pois o municipio, di Carrete, “precisa da súa estrada principal en boas condicións”.

Deixar un comentario