A estrada de Pedrafita a Seoane, cortada en tres quilómetros este sábado e o luns

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


As obras de mellora e ensanche que está acometendo a Deputación de Lugo no tramo que vai do punto quilométrico 7,350 ao 8,670 da estrada LU-P-1301, de Pedrafita do Cebreiro a Seoane do Courel, obrigan ao corte da estrada.

En concreto, xa non se puido circular por ela este venres, nin tampouco hoxe sábado nin se poderá o lunes 27. Dende a Deputación din que é necesario cortar a circulación dende o quilómetro 6 ao 9 para acometer os traballos de estendido do aglomerado.

A institución provincial destina 275.000 euros para esta estas obras que teñen como obxectivo ter unha plataforma de entre 5,10 e 5,50 metros de ancho. Ademais, fixéronse actuacións de drenaxe, estase pavimentando e farase a correspondente sinalización horizontal e vertical.

Segundo a Deputación, colócanse tamén novas balizas de neve, paneis direccionais e novos tramos de barreira metálica de seguridade. Na actualidade, este tramo contaba cun ancho de 4 metros, polo que estas actuacións servirán para ampliar considerablemente a superficie da vía, mellorando a seguridade e comodidade das persoas usuarias.

O corte, sinalan dende a Deputación, estará debidamente sinalizado nas interseccións para causar o menor prexuízo posible ás persoas que utilizan a estrada. Estas actuacións, que realiza a empresa Vazper 3 SL, fanse na  súa totalidade nunha zona que pertence á Rede Natura 2000 dos Ancares, polo que se tivo especial coidado en que o proxecto tivera un impacto medioambiental mínimo. 

Imaxe de arquivo

Deixar un comentario