O xornalista Bernardo Montaña é un dos 1.160 participantes da festa do trail galego. Ademais de correr, axudará como voluntario nunha proba da que destaca o seu ambiente familiar. O seu obxectivo é completar o maratón en arredor de oito horas.
CARLOS JULIO GONZÁLEZ | QUIROGA
A novena edición do Quiroga Trail Challenge chega esta fin de semana con 1.160 participantes e cun ambiente inmellorable en toda a comarca. Nesta ocasión medra o número de participantes procedentes doutras comunidades e mesmo países, pero os galegos seguen sendo maioría. Para moitos deles, non será a primeira vez, senón que gran parte repite ano a ano.
É o caso do xornalista Bernardo Montaña, antes na TVG e agora nos informativos de Telecinco. Este baionés afrontará o seu cuarto Quiroga Trail Challenge dando un paso máis: enfrontarase por primeira vez ao maratón do sábado, de 44 quilómetros de grande esixencia.
Entre risos, Montaña recoñece que é “unha loucura“. Máis agora, a comezos de febreiro, xusto despois do Nadal, unha época “na que se come moito”. Con todo, está moi animado, pois vén “forte de cabeza e de pernas” e, sobre todo, porque ao Quiroga Trail Challenge acode “a desfrutar”.

Bernardo consideraría un éxito non pasar das oito horas de carreira, aínda que se son oito e media tampouco lle importaría. O que ten claro é que neste maratón hai que reservar forzas: “sairei moi conservador, porque a partir do quilómetro 30 comeza o Mini Trail do Lor do ano pasado en sentido contrario e é moi duro”.
No seu caso, como moitos outros participantes, non buscará facer tempos, “tanto polo terreo, como pola paisaxe e o ambiente familiar que xira arredor da carreira, que é moito máis que unha proba deportiva“. Durante a carreira é habitual que os participantes interactúen, “botarlle unha man a alguén que precisa algo ou parar se fai falta”, indica.

Ese ambiente familiar fixo que a primeira edición despois da pandemia fose “como reencontrarse coa familia” e se vivisen momentos realmente emocionantes, pois “hai xente coa que só coincides en Quiroga”. Entre eles, moitos dos 140 voluntarios, cuxa axuda é indispensable para organizar a proba. El mesmo é un deses voluntarios: reservará o sábado para correr e botará unha man o venres e o domingo.
Todo está listo para que os 1.160 desfruten percorrendo as montañas do Xeoparque, algo do que tamén se benefician os aloxamentos, que están todos cheos, e a hostalaría. “Os negocios adáptanse con menús especiais para os participantes e amplían horarios, é de agradecer”, di Bernardo.
Ana Olivo (Madrid)
«O Quiroga Trail Challenge é diferente a calquera outra carreira, é moito máis»
O club Los Espartanos de Talavera achega 22 participantes ao Quiroga Trail Challege. Algunhas, como Ana Olivo, xa son habituais desta carreira, a primeira á que asistiu logo de superar un cancro e á que regresa por unha serie de elementos que a fan diferente a calquera outra, así como pola organización, que coida todos…