Fabiola García destaca que o centro de atención temperá é “un referente en Galicia”

REDACCIÓN | QUIROGA


Diario Oficial de Galicia publicou a resolución das axudas para a creación de unidades de atención temperá por parte de entidades locais. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou un destes servizos, o situado en Quiroga, onde apuntou que con esta nova orde “atenderase a máis de 5.000 nenos de toda Galicia que presenten problemas de desenvolvemento”.

García indicou que o centro con sede en Quiroga e que dá servizo a oito municipios do sur de Lugo (Folgoso do Courel, Ribas de Sil, Bóveda, Sober, O Saviñao, Pantón, A Pobra do Brollón e Quiroga) é “unha referencia non só na provincia de Lugo, senón en toda Galicia” e agradeceu aos seus traballadores por “ilusión por continuar mellorando a calidade de vida dos veciños”.

Un total de 81 usuarios reciben atención gratuíta e especializada nas súas instalacións, sendo Quiroga o concello que achega máis usuarios, con 30; seguido do Saviñao, con 21; Folgoso do Courel, con oito; Ribas de Sil, con seis; Sober, Bóveda e A Pobra do Brollón, con catro cada un, e Pantón, con 3. O servizo está tramitando novas entradas, pois conta cunha lista de espera nestes momentos de dez persoas.

Este servizo complementase co de atención postemperá, servizo de nova creación destinado a nenos de seis a 12 anos. Neste caso, conta con 15 usuarios, dos que 6 son de Quiroga, outros tantos do Saviñao, dous de Courel e un de Ribas de Sil, existindo nestes momentos lista de espera.

cada vez hai máis

A conselleira destacou no ano 2009 existían dúas unidades en Galicia que daban atención a 15 concellos, mentres que na actualidade “son xa máis de 40 os centros que dan servizo a máis de 200 municipios. É dicir, cada vez máis familias contan con este servizo ao carón das súas casas, o que fomenta a igualdade de oportunidades con respecto ás familias que viven nas cidades”, afirmou.

Fabiola García sinalou a “importancia” deste recurso, que identifica e actúa ante posibles problemas no desenvolvemento de nenos de ata seis anos de idade. Como novidade, esta convocatoria —dotada con 12 millóns de euros— será de carácter plurianual, o que permitirá darlle aos concellos máis facilidades para a súa posta en marcha.

Deixar un comentario