REDACCIÓN | QUIROGA
Nervios a flor de pel a quince días de celebrarse unha nova edición do Quiroga Trail Challenge, a verdadeira festa do trail galego. Ningún corredor de montaña quere perder o que é, sen dúbida, o evento máis importante dentro do trail no país. Con máis de 1.100 participantes chega esta edición que, de novo, ten formato de dous días.
Superando dificultades e afrontando novos retos chega a novena entrega deste Quiroga Trail Challenge, un evento que non parou de crecer desde o seu nacemento e que nesta ocasión conta tamén co respaldo do Concello de Ribas de Sil, ademais do de Quiroga.
“Souberon ver a importancia que ten este evento para o desenvolvemento da comarca, non só polo número de rexistrados, senón tamén pola elevada porcentaxe de acompañantes e voluntarios, máis de 100 nesta ocasión, que pasarán aquí a fin de semana”, destacan, agradecidos, dende a organización.
O QTC amplía fronteiras
De cara a esta edición aumentaron considerablemente as inscricións de corredores procedentes de diferentes comunidades autónomas, especialmente de Castela e León e Madrid. Pero tamén medra o número de amantes do trail que chegan de fóra de España: acudirán máis de 20 corredores portugueses, sumando en total un 20% de asistencia de fóra de Galicia.
E non só iso, destacan os organizadores do Quiroga Trail Challenge, pois “en canto a xénero, continúa crecendo a afluencia de mulleres en todas as distancias“, cun destacable 23% do total de participantes a falta de catro días para o pechan as inscricións nesta ligazón. Xa non quedan prazas nas distancias de ultra, circuíto ultra e andaina.
Con todo, un dos grandes obxectivos da actual organización, encabezada, principalmente, polo Montouto Club de Montaña, é achegar o Quiroga Trail Challege á poboación local. Cada vez son máis os veciños e veciñas da comarca que se apuntan ao mundo dos trail e, nesta edición, a festa do trail galego contará con case 50 participantes do Xeoparque Montañas do Courel. Para eles hai unha categoría exclusiva.
A ORGANIZACIÓN, A TOPE
Con total dedicación o Montouto Club de Montaña leva meses preparando este evento. Entre as novidades máis destacables desta edición están os percorridos alternativos ideados para evitar e respectar a recuperación das zonas arrasadas polos incendios sufridos o pasado verán.
A roza e marcaxe parcial das distintas distancias que transcorren por ambos os dous concellos, Quiroga e Ribas de Sil, realizouse con máis antelación, para que os participantes poidan adestrar. Ademais, desta volta incorporáronse novos patrocinadores e cada vez é maior a implicación de empresas de dentro e fóra da comarca.
AS MODALIDADES
TRAIL DO CASTELO: 4 de febreiro.
- Ultra: 61km
- Maratón: 44 km
- Trail Fisiosport: 25 km
- Minitrail: 17 km
- Andaina Coureleando: 17 km
TRAIL DO LOR: 5 de febreiro.
- Trail Fisiosport: 27 km
- Minitrail: 15 km
Ademais, por terceiro ano os corredores poderán elixir correr as etapas de maneira separada ou conxunta, accedendo así á clasificación do Quiroga Trail Challenge de acordo ás combinacións establecidas pola organización. O circuíto constará obrigatoriamente das seguintes combinacións:
- Ultra Casa de Outeiro (Ultra do Castelo 61km + Trail do Lor 27 km): 88 km.
- Maratón Casa do Estanco (Maratón do Castelo 44 km + Trail do Lor 27 km): 71 km.
- Trail Fisiosport (Trail do Castelo 25 km + Trail do Lor 27 km): 52 km.
- Minitrail Adega EDV (Minitrail do Castelo 17 km + Minitrail do Lor 15 km): 32 km.
Toda a información do evento está dispoñible na web quirogatrail.es e podes resolver dúbidas ou trámites escribindo a quirogatrail@gmail.es.
Imaxe: Ivancho López