REDACCIÓN | QUIROGA
A sala de catas do Museo Etnográfico de Quiroga acolleu este venres unha cata de aceites organizada polo Centro de Información á Muller (CIM).
A encargada de impartila foi Sol Ángel Zamuz Castro, bióloga especialista en análise sensorial do Centro tecnolóxico da Carne (Ceteca) de Ourense. Sol é, ademais, oriunda de Vilar de Lor, unha parroquia de Quiroga.
En total, e aínda que o número de persoas interesadas era moito maior, participaron trece mulleres, que era o máximo de prazas dispoñible ao ter que se axustar a un aforo limitado na sala.
As participantes cataron un total de sete referencias de variedades diferentes: picual, arbequina, mansa e brava, entre eles, o aceite que produce o propio concello, o de Aceiroga (elaborado en Bendollo) e dúas referencias de Ouro de Quiroga (mansa e brava e outro plurievarietal).