Aumento en 139 persoas do padrón municipal de Quiroga no que vai de ano

REDACCIÓN | QUIROGA


O padrón municipal de Quiroga aumentou en 139 persoas no que vai de ano, segundo datos que acaba de dar a coñecer o concello. O municipio leva perdendo poboación dende hai tres lustros, dende que entre 2004 e 2005 aumentase en quince persoas. A gráfica que representa o número de habitantes tende á baixa dende entón, mais isto podería mudar neste ano tan atípico e que veu marcado pola pandemia de Covid-19.

A data de 1 de xaneiro de 2019, os datos oficiais do INE (Insituto Nacional de Estatística) indican unha poboación de 3.207 persoas (delas, 1.684 eran mulleres e 1.523 eran homes). En comparanza con vinte anos antes, supoñía un descenso de máis dun milleiro de habitantes. Por datos como este, o feito de que a estas alturas do ano o número de novos empadroados sexa tan elevado, aínda por coñecer moitos outros datos, como defuncións ou persoas que marcharon, abre unha nova porta á esperanza.

Un aumento de poboación podería ser unha moi boa nova para rematar o ano. A pandemia levou a que moitas persoas comezasen a traballar dende a casa. O traballo de Miguel Soriano Moyano Retorno ao medio rural, publiciado polo Instituto de Enxenería de España, constata esta realidade. «A adaptación das actividades socieconómicas e laborais permitiu desenvolvelas en contornas non necesariamente urbanos, abrindo a posibilidade para levalas a cabo no medio rural, aliviando á súa vez, a presión demográfica en áreas urbanas e mellorando a condicións para a conciliación familiar», sinala Soriano.

A isto habería que sumar unha crecente chegada de poboación estranxeira nos últimos anos. En 2019 acadou o seu máximo dende que se teñen datos en Quiroga: 94 persoas; fronte as nove que había a finais da década dos noventa. Xa hai dez anos, un estudo publicado polo Real Instituto Elcano poñía o foco na inmigración, como medio para deter ou frear o despoboamento de moitos municipios da España interior e envellecida.

Os resultados deste documento amosaban o «carácter crucial» destas chegadas para frear o seu declive demográfico, ata o punto de que unha parte importante destas zonas obtivo finalmente cifras positivas na súa evolución anual, o que este ano podría ocorrer no municipio.

Con todo, tamén hai que ter en conta as outras variables xa citadas. O pasado ano, o número de defuncións en Quiroga foi de 64 (32 mulleres e outros tantos homes), mentres que o de nacementos quedou nos doce. Só nacía un neno ou nena ao mes. Un saldo vexetativo negativo de máis de medio cento de persoas.


Imaxe: rúa Real de Quiroga / Arquivo DdQ

Deixar un comentario