Un lume forestal en Peites, en Ribas de Sil, comezou con catro focos simultáneos

REDACCIÓN | RIBAS DE SIL


ACTUALIZACIÓN 22:00, 16/09: Medio Rural deu por extinguido ás 18:42 horas incendio de Ribas de Sil, parroquia de Peites.

A superficie afectada foi de 53,01 hectáreas, das cales 10,48 son arboradas e 42,53 de monte raso. Na súa extinción participaron 5 axentes, 30 brigadas, 16 motobombas, 1 pa, 1 helicóptero e 2 avións.

Vexetación queimada en Peites / L. M. Arias

ACTUALIZACIÓN 13:00, 16/09: Segue controlado dende as 22:34 horas do luns. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 60 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado 4 axentes, 29 brigadas, 15 motobombas, 1 pa, 1 helicóptero e 2 avións.


ACTUALIZACIÓN 00:00, 15/09: Medio Rural informou minutos antes da medianoite que o lume que se declarou en Peites xa está controlado dende as 22:34 horas.


ACTUALIZACIÓN 20:00, 14/09: Desde as 16:12 horas está estabilizado o incendio rexistrado no municipio de Ribas de Sil, parroquia de Peites. No seu control levan traballado 2 axentes, 19 brigadas, 11 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.


ACTUALIZACIÓN 14:30, 14/09: A superficie afectada elévase agora a máis de 60 hectáreas segundo novas estimacións. Este incendio forestal comezou con catro focos simultáneos, explica Medio Rural, «o que evidencia a clara intencionalidade neste lume». No seu control traballan 2 axentes, 14 brigadas, 10 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.


Tras unha fin de semana negra en Galicia por mor dos diferentes lumes que están a encher o país de fume e que afectan principalmente á provincia de Ourense, con numerosos incendios activos, a Consellería do Medio Rural informou dun lume activo na parroquia de Peites, no concello de Ribas de Sil, que se tería iniciado ás 1:44 horas desta madrugada.

Segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas. No seu control traballan 2 axentes, 10 brigadas e 8 motobombas. Ademais, ás 10:00 horas entraron en funcionamento os medios aéreos, que tamén se poderían ter incorporado ás tarefas de extinción.

Por outra banda, quedou extinguido ás 19:40 horas de onte o incendio do concello de Quiroga, parroquia da Ermida, que se iniciara o venres ás 00,03 h. A superficie afectada foi de 53,09 hectáreas de superficie, das cales 34,12 son arboradas e as 18,97 restantes rasas. Na súa extinción participaron 12 axentes, 41 brigadas, 23 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 6 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Segundo informa Medio Rural, seguen activos os seguintes lumes, todos eles na provincia de Ourense, e está e situación de cada un:

Cualedro

Permanece decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio rexistrado no concello ourensán de Cualedro, parroquia de Montes, pola proximidade do lume ao núcleo de Carzoá. O incendio iniciouse ás 14,48 h. do domingo e, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 800 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control mobilizáronse 4 axentes, 8 brigadas, 7 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Rairiz de Veiga

Desactivada a Situación 2 no lume declarado ás 13,44 h. do domingo por proximidade do lume ao núcleo de Guillamil, na parroquia de Sabariz do municipio ourensán de Rairiz de Veiga, que permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unhas 260 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 7 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 2 pas e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilariño de Conso

Continúa activo, desde as 02,22 horas do domingo, o lume do concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 2.000 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 9 axentes, 18 brigadas, 10 motobombas, 4 pas, 10 helicópteros e 9 avións.

Lobios

Dende as 19,40 h. do sábado está activo un lume no municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 5 axentes, 20 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 6 helicópteros e 5 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilar de Barrio

Continúa activo, dende as 11,52 h. do sábado, o lume rexistrado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 11 axentes, 33 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 14 avións.

Chandrexa de Queixa

Está activo desde as 16,07 h. do domingo un lume na parroquia de Queixa, concello de Chandrexa de Queixa, e que afecta provisionalmente unha superficie dunhas 400 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 3 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero.

A Gudiña

Dende as 20,47 h. do sábado permanece activo o lume do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes. As últimas estimacións provisionais indican que rolda as 150 hectáreas de superficie afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 7 axentes, 17 brigadas, 11 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

Manzaneda

Activo desde as 5,32 h. un lume no concello de Manzaneda, parroquia de Cernado, que afecta provisionalmente unhas 100 hectáreas de superficie. No seu control traballan arestora medios terrestres.

Vilardevós

Activo desde as 1,04 h. desta madrugada un lume en Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervo. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é dunhas 80 hectáreas. No seu control participan 3 axentes, 4 brigadas, 5 motobombas e 1 pa.

Laza

Segue activo desde as 20,29 h. do sábado o incendio do municipio ourensán de Laza, parroquia de Camba, e que afecta arredor de 60 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 4 axentes, 13 brigadas, 3 motobombas, 2 pas e 4 avións.


Imaxe: brigadas no lume da Ermida / @BrifLaza

Deixar un comentario