Dous avaliadores enviados pola Unesco revisan as últimas melloras do Xeoparque

REDACCIÓN | QUIROGA


Este luns chegaron ás Montañas do Courel dous avaliadores da UNESCO, Catherine Posthumus (Holanda) e Mikko kiuttu (Finlandia), para levar a cabo unha nova misión de revalidación do Xeoparque.

Os avaliadores terán oportunidade de coñecer ata o venres o traballo realizado nestes dous úiltimos anos, nos que, tras a revalidación de 2022, o Xeoparque debía facer fronte a unha serie de recomendacións de mellora.

Estas propostas estaban relacionadas coa mellora da sinalización do Xeoparque nas entradas ao territorio, a adaptación do logo ás novas normas UNESCO, a incorporación na estratexia do Xeoparque do cambio climático e os megaincendios, o emprego de idiomas nos paneis de interpretación e material divulgación, a mellora da xestión do Xeoparque, o fortalecemento da estrutura de financiamento e un proxecto educativo.

O programa inclúe reunións de traballo co staff do Xeoparque e unha cena institucional coa participación de representantes dos tres concellos da comarca, da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, así como representantes do tecido asociativo do territorio.

O plan da visita levará aos avaliadores a coñecer os museos de Quiroga, os centros de interpretación de Ribas de Sil, Montefurado, a ruta dos miradoiros en Ribas de Sil, a aldea paleozoica da Seara, a fervenza de Vieiros, a aldea paleozoica de Seceda, o Castro da Torre, a oficina turismo de Folgoso, o miradoiro do Alto do Boi, o de Campodola, e poderán descubrir o proxecto educativo do CEIP de Quiroga. 

Deixar un comentario