O encontro Burla Verde celébrase esta fin de semana en Vilamor e Esperante

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


Burla Verde, o encontro “contra a estafa da transición enerxética e contra a depredación da terra” celebra a súa segunda edición o 14 e 15 de xuño na Serra do Courel. Os espazos elixidos son as aldeas de Vilamor e Esperante. Un grupo de veciños, coa colaboración de diferentes organizacións e activistas, farán posible este ano a actividade.

Ao longo dos dous días desenvolvéranse diferentes actividades de carácter formativo, lúdico e de intervención no territorio. O día 14, o colectivo Monte Escola organiza unha sesión para arrincar mimosas, á que se pode apuntar calquera persoa de xeito voluntario.

O 15 de xuño, a xornada dará inicio ás 10:30 horas a través dunha alborada e posteriormente darase paso a unha serie de encontros formativos. Unha táboa redonda sobre a organización comunitaria protagonizada por veciñas de diferentes idades e dinamizada pola historiadora Lara Barros; un coloquio sobre decrecemento a cargo de Begoña de Bernardo, do colectivo Véspera de Nada, ou un obradoiro para sentipensar o fenómeno dos lumes deseñado pola ONG Arquitectura Sen fronteiras e a cooperativa Outonía S.Coop, son algunhas das propostas que artellarán o programa de día

Paralelamente, ao longo de toda a xornada haberá unha programación dedicada ao goce das crianzas, un espazo radiofónico que difundirá o evento en directo, un espazo de micro aberto para os colectivos en defensa da terra que se dean cita no encontro e a creación dun mural colaborativo a cargo da pintora Carme Álvarez.

Á tardiña terán lugar diversas actuacións artísticas, con espectáculos de danza, circo e música. A entrada ao evento está suxeita a unha cota de cinco euros, por cuestións de aforo, e pódese adquirir previamente en diversos establecementos de toda a comunidade. Tódolos beneficios recadados irán en beneficio dos diferentes colectivos en defensa da terra.

Na comarca, as entradas pódense mercar na Librería Celia, en Quiroga; no Bar Rafael, en Seoane; na Taberna de Manuela, en Ferramulín, e no Supermercado Urbarza, en Folgoso.

Deixar un comentario